Sunday 28 de April de 2024

Román Rodríguez anuncia un investimento de 1,2 para melloras en tres centros de Ordes e de Oza-Cesuras


– A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades investirá máis de 400.000 euros no centro educativo de Ordes para o cambio da súa cuberta

– No Colexio Oza dos Ríos destinaranse máis de 600.000 euros para a súa rehabilitación integral e outros 200.000 para o cambio de ventás do colexio Bragade

– Estas actuacións, enmarcadas no Plan Nova Arquitectura Pedagóxica, buscan dotar aos centros educativos de máis comodidade e accesibilidade

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou hoxe un investimento de 1,2 millóns de euros para melloras en tres centros educativos da provincia da Coruña. No Colexio CEIP Campomaior de Ordes investiranse 401.768 euros para a cambio da súa cuberta, mentres que no CEIP Oza dos Ríos de Oza-Cesuras se procederá a rehabilitación integral das súas instalacións con 603.411 euros, e no CEIP Plurilingüe Bragade efectuarase o cambio de ventás por un importe de 200.000 euros.
Román Rodríguez, que na visita a Ordes estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asegurou que con este novo investimento “a Xunta reforza o seu compromiso coa mellora continua das instalacións dos centros educativos”, que se enmarca no Plan Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para acadar colexios e espazos máis sostibles, tecnolóxicos e modernos. A Consellería traballa para implementar a accesibilidade, a seguridade e a modernización das instalacións, así como o confort do seu alumnado e profesorado.
Colexio Campomaior
O titular de Educación desprazouse ao Concello de Ordes para dar a coñecer esta actuación no CEIP Campomaior. A Xunta de Galicia acometerá o cambio da cuberta actual de todas as edificacións, así como a substitución dos canlóns e as baixantes e a colocación de illamento térmico.

As pranchas da cuberta renovaranse completamente dotándoa dunha nova conformada con chapa de aceiro galvanizado, perfil nevado e con recheo intermedio de escuma de poliuretano.

Con esta intervención, que se licitará antes de que remate o ano, a Consellería de Educación leva invertidos nos últimos anos case 2M€ nos cinco centros educativos da localidade, destacando a rehabilitación integral do Colexio Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a instalación de ascensor do Colexio Mesón do Vento ou a reparación da cuberta do Instituto Maruxa Mallo, entre outras actuacións.

Visita a Oza dos Ríos
Román Rodríguez tamén se achegou ata o centro educativo Oza dos Ríos de Oza-Cesuras para coñecer o estado actual das súas instalacións e comentar as actuacións que se realizarán con esta nova inversión da Consellería de Educación. Un proxecto que se licitará antes de que remate o ano e que suporá un cambio completo do centro, mellorando as aulas e renovando os diferentes espazos.

A Administración galega acometerá a reforma da envolvente edificación cun sistema de illamento térmico, executará novos canlóns e instalará un novo sistema envolvente de cuberta. O proxecto tamén contemplará unha reforma interior do módulo destinado a aula de música para definir un espazo destinado a aula de psicomotricidade e aseo, así como a renovación do pavimento da pista exterior deportiva.
Así mesmo, resolveranse os problemas de filtracións ás aulas e renovarase a cuberta da aula de música, así como o cambio do falso teito e as luces LED, a instalación dunha claraboia para a inspección de cubertas e a mellora do funcionamento da cociña.
No concello de Oza-Cesuras tamén se vai proceder ao cambio de ventás no colexio CEIP Plurilingüe Bragade, cun investimento de 200.000 euros. Neste caso trátase dunha actuación que xa estaba prevista pero cuxa convocatoria quedara deserta, polo que se retoma de novo agora.
Estas obras que se van realizar nos dous centros educativos cos que conta Oza-Cesuras súmanse ás de ramplas de accesibilidade xa acometidas no Oza dos Ríos.